20 Mai Xuntanza coa xerencia do Sergas
O Presidente do Colexio Avelino J. Sanmartín acompañado do asesor xurídico do Colexio, mantiveron con data de 5 de maio unha xuntanza con D. José Flores Arias, Xerente do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
Na devandita xuntanza déuselle traslado dunha iniciativa para a reforma e ampliación ás persoas maiores de 65 anos do Réxime de Ordenación das Prestacións Sanitarias en materia de saúde bucodental do Sistema Galego e Nacional de Saúde ao entender que o bloque normativo Estatal e Autonómico sobre prestacións sanitarias en materia de próteses dentais é alleo as necesidades sanitarias bucodentais da poboación galega e non resposta adecuadamente á grave situación que padece o colectivo de persoas maiores de 65 anos.
Ao abeiro da devandita iniciativa, propúxoselle por parte do Colexio a modificación da Orde do 28 de maio de 2013, pola que se regulan as prestacións ortoprotésicas na Comunidade Autónoma de Galicia, no sentido incluír no anexo I do Catálogo Xeral de Material Ortoprotésico, as próteses dentais para maiores de 65 anos e incorporar as clínicas e laboratorios no sistema de pago directo, así mesmo, achegouse unha proposta de formalización dun convenio de colaboración entre Colexio e o SERGAS, para a dispensación de material protésico na Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto asumir os correspondentes compromisos orzamentarios e canalizar e regular os procedementos, de prescrición, entrega, facturación e pago das próteses a través do procedemento previsto na citada Orde; igualmente propúxoxe por este Colexio a realización dunha enquisa co fin de coñecer o estado da saúde bucodental da poboación galega con especial incidencia no segmento de persoas maiores de 65 anos.
A proposta realizada por este Colexio tivo unha boa acollida por parte de D. José Flores Arias, asumindo o compromiso de revisar as propostas achegadas, realizar un estudo destas cos organismos competentes e unha vez isto, achegar unha resposta motivada ao Colexio sobre o asunto en cuestión.
Por maior abastamento, considerando que entre os fins e funcións do Colexio se atopa velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de protésico dental, así como adoptar as medidas necesarias para evitar o intrusismo profesional e a competencia desleal, déuselle traslado á Xerencia do SERGAS da inquedanza e preocupación existente sobre asuntos de importancia que afectan ao desenvolvemento da actividade de protésico dental como: a obriga de colexiación tanto dos responsables técnicos do laboratorios como dos traballadores por conta allea que desenvolven a actividade de protésico dental nos laboratorios, dando cumprimento á Sentenza do Tribunal Supremo, da Sala Terceira, do Contencioso-administrativo, Sección 4ª, Sentenza nº 1477/2016 de 21 xuño de 2016, (Rec. 3256/2014); a esixencia dun criterio único á hora de solicitar a documetación referente á solicitude ou revalidación da licenza de funcionamento de fabrciantes de produtos saitaros a medida por parte das Xefaturas Territoriais da Consellería de Sanidade de cada provincia; a modificación da taxa da licenza de funcionamento de fabrciantes de produtos saitaros a medida, ou no seu caso da ampliación do período de vixencia de 5 a 10 anos, así como da invasión de competencias correspondentes aos laboratorios por parte das clínicas dentais que incumpre co disposto no Real Decreto Lexislativo 1/2015, de 24 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios.
Todas estas inquedanzas foron escoitadas e entendidas por parte da Xerencia do SERGAS, comprometéndose a achegarllas a D. Alberto Fuentes Losada, Secretario Xeral Técnico da Consellería de Sanidade aos efectos de manter unha nova xuntanza con este último sobre estas cuestións, solicitude de Xuntanza que, non obstante, xa foi solicitada formalmente pola Secretaría Técnica do Colexio.