08 Abr Xuntanza coa subdireción xeral de formación profesional
O Presidente do Colexio, D. Avelino J. Sanmartín Caamaño, acompañado do asesor xurídico do Colexio mantiveron no día de onte, 7 de abril, unha xuntanza con D. Carlos Vázquez Mariño, Subdirector Xeral de Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, xuntanza á que tamén asistiu a Presidenta do Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia, Dª. Andrea Pardo Rivera.
Na devandita xuntanza déuselle traslado da preocupación de ambas as dúas corporacións da inquedanza existente no tocante ao Proceso de acreditación de competencias profesionais e certificados de profesionalidade regulado ao abeiro da Orde de 4 de xuño de 2021, publicada no DOGA con data de 15 de xuño de 2021 (nº 112) que regula, no ámbito do sistema educativo da Comunidade Autónoma de Galicia, o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral para unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais, onde está incluida a profesión do protésico dental.
Ambos os dous Colexios solicitaron ao Subdirector Xeral de FP a revisión do devandito procedemento no tocante ás titulacións de protésicos e hixienistas dentais, xa que este conleva á solicitude para participar no proceso e posterior acreditación da competencia profesional, con validez en todo o territorio do Estado, a candidatos que están a desenvolver a actividade de protésico dental sen o título correspondente.
Debemos ter en conta que unha das funcións do Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia é adoptar as medidas necesarias para evitar o intrusismo profesional e a competencia desleal.
O Subdirector Xeral de Formación Profesional entendeu a inquedanza do noso colectivo asumindo o compromiso de revisar a situación cos organismos competentes a tal efecto.