Regulamento do servizo de rexistro de clientes morosos e de mediación en xestión de cobro

 

 

Artigo 1º Obxecto

Constitúe o obxecto deste regulamento establecer, no marco da función atribuída ao Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia no artigo 8, apartados 11 e 22 dos seus Estatutos aprobados mediante Decreto Galego 304/2008, do 9 de outubro, os procedementos para a creación, modificación, actualización e funcionamento do Rexistro de Clientes Morosos, a emisión de informes sobre a solvencia patrimonial é o crédito, e a prestación, a petición do colexiado, do servizo de mediación en xestión de cobro.

 

 

Artigo 2º Destinatarios do servizo

Poderán facer uso do servizo todos os colexiados que cumpran as obrigas previstas no artigo 13º dos Estatutos, e estean ao corrente do pago das cotas ordinarias e extraordinarios e de calquera outra obriga económica derivada dos acordos, servizos e actividades colexiais.

 

 

Artigo 3º Debedores e créditos morosos

1. Aos efectos exclusivos deste Regulamento, teñen a condición de debedores de explotación todos os saldos activos derivados da venta dos bens ou prestación de servizos a terceiras persoas orixinados no desenvolvemento da actividade principal do protésico dental.

2. Terán a consideración de créditos morosos cando transcorreran como mínimo 90 días desde o seu vencemento.

 

 

Artigo 4º Rexistro de Clientes Morosos

1. O Rexistro de Clientes Morosos, estará constituído polas terceiras persoas ás que se refire o artigo anterior que sexan titulares de débitos morosos e nos que concorran as seguintes circunstancias:

      • Que manteñan co profesional débedas certas, vencidas e esixibles que resultaran impagadas. calquera que sexa a súa contía.
      • Que incumpra de forma reiterada os requirimentos fehacentes de pago realizados polo protésico.
      • Que a demora no pago das cantidades facturadas exceda de 90 días.

2. Aos efectos de avaliar a insolvencia patrimonial terase en conta, que a data do seu vencemento ou presentación ao cobro, se produza o impago de calquera efecto o título valor de uso habitual no tráfico mercantil (pagaré, cheque, letra de cambio,recibo domiciliado, etc.).

3. O Rexistro de Clientes Morosos acredita a situación debedora do cliente, e establece o grao de risco existente no cobro das débedas pendentes e de insolvencia patrimonial do debedor.

4. Para graduar o nivel de morosidade de cada un dos créditos adebedados aplicaranse os seguintes baremos e puntuación:

 

> Contía da débeda:

    • 1000 € ou menos: 2 puntos
    • De 1000 a 2500 €: 4 puntos
    • De 2500 a 4000 €: 6 puntos
    • De 4000 a 6000 €: 8 puntos
    • De 6000 a 8000 €: 10 puntos
    • De 8000 a 10000 €: 12 puntos
    • Mais de 10000 €: 14 puntos

 

> Tempo transcorrido desde o vencemento:

    • 3 meses: 1 punto
    • De 3 a 5 meses: 2 puntos
    • De 5 a 8 meses: 3 puntos
    • De 8 a 9 meses: 4 puntos
    • De 9 a 10 meses: 5 puntos
    • De 10 a 11 meses: 6 puntos
    • Mais de 12 meses: 7 puntos

 

> Tipo de documento sobre o que se instrumenta o débito:

    • Factura: 1 punto
    • Recibo aceptado: 4 puntos
    • Cheque: 7 puntos
    • Pagaré: 10 puntos
    • Letra de cambio: 15 puntos

 

5. Os datos incluídos no Rexistro estarán sometidos as disposicións sobre protección de datos de carácter persoal da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e demais normas de desenvolvemento.

6. Aos efectos da notificación e inscrición do Rexistro na Axencia de Protección de Datos, O Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia ostenta a condición de responsable do ficheiro.

7. O Rexistro, para o seu tratamento informático, contará cos seguintes campos:

      • Nome do acreedor e nº de colexiado
      • Nome do debedor, profesión, enderezo, teléfono e razón social
      • Importe total e individual dos créditos adebedados
      • Documentos acreditativos e antigüidade das débedas
      • Número de reclamacións fehacentes
      • Data de inscrición no rexistro
      • Informes emitidos e destinatarios
      • Rectificacións da información debedora
      • Data de baixa no rexistro.

 

 

Artigo 5º Inclusión no Rexistro

1. A inclusión de créditos morosos no Rexistro de Clientes Morosos, realizarase previa petición en modelo normalizado, dirixida ao Presidente do Colexio, formulada polo colexiado que cumpra os requisitos esixidos no artigo 2º deste Regulamento, debendo acompañar copia da documentación que identifique ao debedor e acredite as débedas impagadas (factura, e demais instrumentos de cobro) que cumpran os requisitos do artigo 4º.1 deste Regulamento.

2. Na solicitude de inclusión outorgarase, no seu caso, autorización ao Presidente do Colexio, para realizar as xestións oportunas de mediación de cobro.

3. Recepcionada a solicitude no Rexistro Xeral, a Secretaría Técnica procederá a aplicar os baremos e puntuación prevista no artigo 4º deste Regulamento, asignándolle nivel de morosidade e insolvencia. A inclusión no Rexistro e o exercicio das xestións de cobro, aprobarase mediante acordo motivado do Presidente, que será notificada ao solicitante.

4. Adoptado acordo sobre a inclusión no Rexistro, notificarase ao debedor interesado no prazo de trinta días desde dito rexistro, informándolle do seu dereito a recabar a información dos datos consignados de acordo co establecido na Lei Orgánica sobre Protección de Datos de Carácter Persoal.

5. Cando o interesado o solicite, o Colexio a través dos seus Servizos Técnicos, comunicaralle os datos, así como as avaliacións e apreciacións que sobre o mesmo foran comunicadas durante os últimos seis meses e o nome e dirección da persoa ou entidade a quen lle foran revelados os datos.

 

 

Artigo 6º Mantemento e actualización do Rexistro

1. Os protésicos colexiados que fixeran uso do servizo establecido neste Regulamento, estarán obrigados a comunicar calquera variación que se produza en relación co crédito moroso. Especialmente e de forma inmediata deberán comunicar a extinción total ou parcial das débedas incluídas no Rexistro.

2. Cando o dato cedido polo acredor resulte inexacto ou non este actualizado, deberá ser este ou quen actúe pola súa conta ou interese, quen comunique a través do Rexistro Xeral do Colexio, no mínimo tempo posible, a modificación do dato, sen prexuízo do establecido no artigo 16 da Lei Orgánica sobre Protección de Datos de Carácter Persoal, en relación co dereito de rectificación e cancelación.

3. O Colexio procederá a cancelación cautelar do dato cando o debedor aporte un principio de proba documental suficiente, que desvirtúe algún dos requisitos necesarios incluídos no artigo 4º.1 deste Regulamento.

4. A baixa no Rexistro, deberá quedar debidamente acreditada mediante declaración formulada polo colexiado acredor, ou pola presentación de documentos acreditativos da extinción, negociación, aprazamento ou fraccionamento da débeda, e será declarada mediante acordo expreso do Presidente que deberá ser notificado ao protésico acredor, e ao debedor.

5. Só poderán formar parte do Rexistro datos acreditativos da morosidade ou insolvencia patrimonial que non se refiran a mais de seis anos.

 

 

Artigo 7º Procedemento en mediación de xestión de cobro

1. Cando fora expresamente autorizado polo Colexiado, o Presidente formulará requirimento de pago outorgando un prazo de 15 días para facer efectiva a débeda, formular proposta de pago aprazado ou fraccionado, ou presentar cantas alegacións estime pertinentes, con advertencia do exercicio das actuacións legais que procedan na xurisdición competente no caso de que se persista no incumprimento da obriga de pago.

2. Transcorrido o prazo anterior sen que se producira a extinción da débeda, xustificación do seu impago, ou non se presentara proposta de pago aprazado ou fraccionado, poñerase en coñecemento do acredor colexiado, con indicación das actuacións legais que poderá emprender para facer efectiva a débeda.

3. A presentación de alegacións, ou de proposta de aprazamento ou fraccionamento, será posta en coñecemento do acredor colexiado aos efectos que se formule aceptación ou rexeitamento expreso.

4. Cando o motivo de impago do débito fundaméntese na falta de conformidade sobre os traballos realizados, poderá solicitarse dos servizos do Colexio, emisión de informe por Técnico –Perito Protésico debidamente autorizado, e con aplicación do establecido no Regulamento publicado no DOG

5. O acto de requirimento ao que se refire o parágrafo 1º deste artigo poderá realizarse conxunta e simultaneamente coa notificación de inclusión no Rexistro.

 

 

Artigo 8º Exercicio de accións legais

No caso de que a acción de mediación non producira a extinción, negociación ou fraccionamento ou aprazamento da débeda, o Colexio recordará ao colexiado acredor que pode facer uso dos servizos xurídicos colexiais, con suxeición as condicións de contratación e prestación, para o exercicio das accións legais que estime oportunas.

 

 

Artigo 9º Emisión de informes

1. Previa petición formulada en modelo normalizado por colexiado que cumpra os requisitos fixados no artigo 2º deste Regulamento, e con efecto meramente informativo do risco derivado da relación comercial, o Presidente poderá emitir informes en relación cos terceiros debedores que estean incluídos no Rexistro de Clientes Morosos, aos efectos de enxuizar a súa solvencia económica.

2. O informe ao que se refire este artigo, só fará constar a identificación profesional de debedor e a puntuación de morosidade que ten outorgada no Rexistro.

 

 

Artigo 10º Prezos do servizo

1. Os prezos pola prestación dos servizos establecidos neste Regulamento son os seguintes:

 

    • Emisión de informes sobre datos contidos no Rexistro 0,00 € (IVE non incluido)
    • Actos de xestión de mediación de cobro: 162,26 € (IVE non incluido)

 

2. Os prezos anteriores deberán facerse efectivos con caracter previo a prestación do servizo e no momento de presentarse a solicitude. A estes efectos non se tramitará a solicitude sen acreditar o ingreso nos termos fixados na liquidación que deberá constar como parte do modelo normalizado ao que se fai referencia nos artigos 5º e 9º deste Regulamento.

 

 

Disposición transitoria

De conformidade co disposto no artigo 26 da Lei Orgánica 5/1999, do 13 de decembro sobre protección de datos de carácter persoal, o contido do ficheiro que constitúe o obxecto deste Regulamento será notificado a inscrito no rexistro da Axencia de Protección de Datos.

 

 

Disposición final

O presente regulamento será de aplicación e entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa aprobación polo Pleno da Xunta de Goberno.

error: contido protexido!
Falamos?