O valor do colexio nos tempos do COVID-19

O valor do colexio nos tempos do COVID-19

Nos tempos do COVID-19 o desafío de COPRODEGA
é paliar o impacto que supuxo esta pandemia na sociedade
e nos laboratorios, contribuindo a mellorar a seguridade da saúde bucodental

 

Aínda estamos en período de alarma debido a crise sanitaria provocada polo COVID-19 en todo o territorio español. A fase máis forte de confinamento acaba esta semana co reinicio das actividades económicas. Aprendemos ao mesmo tempo todos da chamada nova normalidade que supón vivir doutro xeito, poñendo por diante de todo os coidados sanitarios.

Conversamos de todo o acontecido co Presidente do Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia, Avelino J. Sanmartín, co fin de facer un pequeno balance destes case dous meses de parón forzoso.

Esta situación de crise sanitaria puxo ao límite aos profesionais protésicos dentais, con situacións nas que quedaron fases de traballos nos laboratorios e outros nas clínicas;  traballos terminados sen poder ser entregados, proxectos que quedaron suspensos etc. isto detivo a facturación e o correspondente pago das facturas, quedando sen aprovisonamento de materia prima. Unha situación ata fai pouco inverosímil.

 

Que reflexión farías sobre a forma en que esta pandemia do COVID19 afectou aos protésicos dentais en Galicia?

Pois nos pillou como a todos de sorpresa, isto é: desinformados, desprevidos, desprotexidos e evidentemente desprovistos do material e información preventivo. O cal me parece dunha grave irresponsabilidade independente ou conxuntamente de a quen corresponda. Estamos a falar, a este momento de case vintesete mil vidas humanas. De feito, se me permites o símil, para o noso sector foi como unha freada e simultaneamente, ademais, un “portazo”.

 

Retos protésicos ante o COVID-19

 

Que retos supón para os laboratorios protésicos esta situación?

Como reto, creo que trataremos de paliar o impacto que supuxo esta pandemia nos diferentes estadios: sanitario, laboral, social e económico de forma paulatina. Se nos cinguimos aos laboratorios, ampliando e adaptándonos a novos protocolos concretos de seguridade. A rigorosidade é compartida con odontólogos e hixienistas, tanto no fluxo dos traballos, impresións e modelos, como en aditamentos e instrumentos protésicos tanto de medición e proba, como de prescrición e información, e mesmo loxística.

De que maneira os laboratorios van responder ás novas necesidades sanitarias que supón esta nova situación?

Nós estamos afeitos a utilizar un protocolo, sinxelo pero rutineiro, tanto de entrada ou saída como de manexo individual dos traballos nas súas fases de elaboración dentro do propio laboratorio. Estamos a falar dun material que procede da boca dun paciente do cal se protexe en primeira instancia o odontólogo e hixienista e demais persoal clínico ata chegar ás nosas mans, onde comeza un percorrido nas fases correspondentes a cada elaboración, ata a descontaminación de saída novamente a clínica. A esta prevención habemos de engadir, in extremis, a asepsia recomendada especificamente para o COVID-19. Cun novo protocolo e o seus custes a engadir.

Como reaccionaron os protésicos ante a situación de emerxencia?

Pois con moitas dúbidas e incerteza, como non podería ser doutra maneira. Notamos un reforzamento da confianza no Colexio. Haberá un punto de inflexión que nos leva a ter que recoñecer a importancia de apoiarnos, de colaborar e da labor organizativa do Colexio coa secretaría técnica e mesmo o persoal de comunicación, directamente.

Protección anticovid de los protésicos dentales, mascarilla

Seguridade en toda a liña dental

 

Como será a comunicación con odontólogos e hixienistas nesta nova etapa?

Neste senso, debo dicir que en Galicia é público e recoñecido, que as relacións corporativas dos protésicos con odontólogos e hixienistas procuramos conservalas sás. Hai confianza pero tamén respecto mutuo, nisto sentímonos cómodos. Vimos compartindo comunicados, inquedanzas e encontros de traballo. Propostas coa Consellería de Sanidade e Educación. Así, no medio desta crise, solicitamos resolución do Conselleiro de Sanidade para o peche preventivo e con atención de urxencias en estado de alarma dos laboratorios. Esta acción contribuiu en Galicia, ás resolucións favorables dos expedientes por cesamento de actividade.

Nestes momentos estamos a reforzar o protocolo no fluxo de traballo clínica-laboratorio-clínica nas fases de desescalada. A trazabilidade do produto protésico e a súa respectiva información complementaria, xunto coa do destinatario final do produto sanitario, (fabricado a medida dun paciente determinado baixo prescrición facultativa), é clave para o control e a seguridade do paciente ante unha adversidade, contaminación, etc.

Poden os pacientes e usuarios dos servizos dentais estar tranquilos a achegarse ás clínicas?

   Vas permitir que faga unha similitude que axude á entender a nosa realidade tanto ao paciente como á cidadanía en xeral: sanitariamente, se falamos dun quirófano, a todos asoláganos unha imaxe de exquisitez preventiva, esterilización, desinfección… Pois che digo que, neste momento, unha clínica dental tradicional, das de sempre, non está moi lonxe de ser un pequeno quirófano, máis pequeno, ou máis familiar, para que non se me enfade ninguén —di Avelino entre risas—. Nelas se están realizando como todos sabemos, cirurxías para implantes, ademais de complexos casos e graos de cirurxías, entre outras.

É dicir, hai total seguridade de que a asepsia está garantida nas nosas clínicas de confianza como sempre, e agora máis. A protección agora mesmo é necesaria para os odontólogos e hixienistas, e por extensión aos pacientes, pero en primeiro lugar aos profesionais. Os protésicos estamos nesa liña profesional continua de aportar asepsia e seguridade ao traballo dental. A trazabilidade do produto é perfecta.  

 

 

O traballo do colexio en tempos do COVID-19

 

 Cales foron as liñas de actuación seguidas polo colexio neste tempo de parálise de traballo e cales van ser en diante?

Foi un traballo moi arduo perante a falta de información inicial, a incerteza e a ambigüidade á hora de interpretar normas e decretos. Enviamos 14 circulares, 4 comunicados informativos, atendéronse 1 230 chamadas telefónicas e 881 e-mails, ademáis celebramos tres xuntas de goberno extraordinarias. Puxemos o máximo interese en informar aos nosos colexiados e colexiadas sen dubidalo, para ofrecerlles confianza, tranquilidade e, desde logo, todo o apoio e atención nas nosas posibilidades para resolver da forma máis favorable ou positivamente cada situación en particular.

Ademais a través do acordo coa secretaría técnica FH&asesores, asesoramos e tramitamos expedientes ERTEs e cesamento de actividade, así como ás axudas e subvencións coas administración, todas con resolución favorable. Emitimos tamén certificacións de diversa índole necesarias para os seus respectivos expedientes, trámites ou desprazamentos. Traballamos desde o Colexio, cun esforzo moi importante da nosa secretaría técnica, tamén do equipo de comunicación e eu mesmo coa implicación de toda a Xunta de Goberno. Tamén houbo implicación dalgúns colexiados e colexiadas que colaboraron por propia iniciativa, é momento de dicilo e agradecelo desde estas liñas que me ofreces.

 

Crees que sairemos mellores desta situación?

Profesionalmente creo que todos vémonos valorando máis as nosas carencias diarias. Os protésicos tivemos que reflexionar sobre a nosa actividade profesional, sobre o tempo, a tensión, a familia e o lecer. Sí, aprendemos unha ineludible forma de comunicarnos, pero tamén de formarnos e informarnos, implicándonos en novas ferramentas da man da internet e as telecomunicacións; usando redes, apps, videoconferencias, webinars, etc. mesmo para a propia organización colexial tivemos a oportunidade de utilizar as ditas tecnoloxías para reunirnos sen desprazamento, pero tamén para chegar máis e con máis contidos aos nosos colexiados e colexiadas e viceversa; un tema que co persoal de comunicación, iremos desenvolvendo paulatinamente.

Con cales recursos conta o colexio para atender este período que non se sabe que deriva pode tomar?

É especialmente importante entender e garantir o funcionamento da entidade colexial como nexo da profesión e baluarte da representatividade do colectivo profesional en Galicia. O Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia é hoxe unha corporación de dereito público que garante o status do profesional e a súa actividade colexiada ante a sociedade, ante a Administración, e por suposto, no organigrama das profesións colexiadas e institucións dos profesionais sanitarios.

Os recursos propios, en termos económicos, que permitiron amortecer o impacto desta crise nos colexiados, son froito dunha acertada política de actualización de cota de forma moderada, así como a constante incorporación de novos colexiados/as. A toma de contacto con empresas para abundar en respectivos acordos ou convenios de servizos de índole laboral ou persoal, en beneficio dos colexiados terá novos obxectivos tras esta crise. Sempre que haxa participación social, será posible. Sen dúbida.



Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
[wp_show_posts id="1627"]