02 Dec Así foron as IV Xornadas de Formación
As IV Xornadas de Formación sobre normativa para a Xestión de Laboratorios de COPRODEGA celebráronse o pasado sábado cunha magnífica acollida por parte de colexiados de toda Galicia, que —a pesar das inclemencias meteorolóxicas— achegáronse para participar nunha convocatoria xa consolidada no noso calendario anual. Un encontro no que a actualización normativa, a formación especializada e a información rigorosa volveron ser protagonistas.

O programa formativo abriu coa intervención de María José García e Ángel Herrera, asesores fiscais e xurídicos de FH Asesores e responsables da secretaría técnica de COPRODEGA. Ambos abordaron con claridade as novidades das novas normativas de facturación previstas para 2026, que incidirán directamente na xestión dos laboratorios de prótese dental, un sector onde o traballo autónomo continúa a ser maioritario.

A continuación, María Luz Soriano, Inspectora e Xefa de Sección de Ordenación Farmacéutica e Produtos Sanitarios da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, brindou unha sesión de gran valor didáctico na que explicou actualizacións autonómicas, estatais e europeas. A súa presentación centrouse nos protocolos normalizados, a trazabilidade, a seguridade e a vixilancia do produto sanitario a medida, aspectos imprescindibles para garantir a calidade e a seguridade no traballo diario dos protésicos dentais.

A xornada pechou coa intervención de Roberto Hermo, técnico en xestión informática do Grupo Isonor, quen afondou nos retos da desconexión dixital e nas claves dun plan de traballo saudable e protexido. A súa participación reforzou os servizos que, a través do convenio co colexio, teñen á súa disposición os profesionais: prevención de riscos, protección de datos, sistemas de seguridade e apoio tecnolóxico no día a día dos laboratorios.
Contamos tamén co imprescindible apoio de Seguros A.M.A., a través de Jorge Nogueira (AMA Santiago), quen acompañou con material complementario e co recordo do seu papel fundamental na garantía de responsabilidade civil e cobertura integral dos establecementos sanitarios, incluídos os laboratorios protésicos galegos. E, por suposto, ca inestimable colaboración de Santiago García, Relator de Cultura de COPRODEGA, encargado da apertura do acto e as presentacións.

O balance final non puido ser mellor: unha xornada plena, satisfactoria e cunha clara demanda de seguir medrando neste nivel formativo. Un espazo de encontro que reforza o compromiso de COPRODEGA coa calidade, o rigor e o avance profesional do colectivo protésico galego.





