Coprodega estrea nova web

Coprodega estrea nova web

 

O Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia presentou o seu novo sitio web no transcurso das Xornadas Formativas do sábado 5 de outubro. A nova presenza virtual está orientada ás necesidades dos protésicos no acceso á información e trámites necesarios para o desenvolvemento profesional.

O proxecto levado a cabo por EnMateria, foi presentado polo Presidente do Colexio, Avelino J. Sanmartín, acompañado da súa deseñadora, Emma Marqués. O obxectivo perseguido foi o de introducir un deseño renovado e máis actual, con maior usabilidade e cumprindo as normativas que corresponden a institucións como as nosas.

Portelo Único e Portal de Transparencia

O novo espazo aloxado en coprodega.es conta xa con dúas seccións que a fan conforme á lexislación vixente como son a: Portelo Único e o Portal de Transparencia. O primeiro é unha ferramenta que esixen as autoridades para centralizar a información e trámites perante a Administración facilitando desta forma a relación coas institucións. Contén a través dun sistema de menús acceso á información sobre a lexislación vixente, a formalización das posibles reclamacións, ou o mesmo portal de transparencia, no que se fan visible a memoria anual, os orzamentos e os convenios de colaboración.

Tamén aumenta as súas funcionalidades ao crear unha Área de Privada con información pertinente só para os colexiados aumentando así a posibilidade de interacción dos colexiados co Colexio.

 

Mellor acceso á información

No apartado do menú Colexio mellorouse a consulta aos nomes dos colexiados a través dun buscador. Tamén os impresos que faciliten a estes actualizar a situación co colexio. A sección de Novas tamén foi ideada para mellorar os seus servizos ao facilitar aos usuarios o acceso á información especializada no sector. Creáronse seccións para actualidade, eventos e cursos. Nelas os colexiados poderán facer seguimentos ás opcións de formación e ampliación da súa formación existentes.