COPRODEGA percorre Galicia coa Xira “Pre-coléxiate 2026”

COPRODEGA percorre Galicia coa Xira “Pre-coléxiate 2026”

Durante o mes de xaneiro, COPRODEGA levou a cabo a XiraPRE-COLÉXIATE 2026”. Unha intensa campaña informativa dirixida aos estudantes de Ciclo Superior de Prótese Dental en Galicia, coa que visitou catro centros públicos co obxectivo de achegar o Colexio ao alumnado, dar a coñecer o día a día da profesión e acompañar ás futuras xeracións de protésicos dentais no seu acceso ao mundo laboral.

 

Un tour polos centros de referencia de Galicia

Nesta edición, a xira percorreu:

 

1. CIFP Ánxel Casal (A Coruña)

 

2. IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela (A Coruña)

 

3. CIFP Manuel Antonio de Vigo (Pontevedra)

 

4. CIFP Politécnico de Lugo (Lugo)

 

En total, participaron arredor de 200 estudantes de 1º e 2º curso do ciclo, o que demostra o interese e a implicación do alumnado coa realidade profesional que atoparán tras rematar os estudos.

As sesións desenvolvéronse coincidindo coa volta das vacacións de Nadal e concluíron antes da saída do alumnado ás prácticas en laboratorio, co fin de que puidesen aproveitar ao máximo a información e trasladala de inmediato á súa transición cara ao mundo da empresa.

 

Charlas que completan a formación en FOL

As intervencións do Colexio nos centros, que comenzaron en 2008, actualmente enmárcanse na materia de Formación e Orientación Laboral (FOL), na que se integran a lexislación profesional, a administración de empresas, a prevención de riscos laborais e a orientación laboral no Ciclo Superior de Prótesis Dentais.

Nas charlas abordáronse cuestións clave como o marco legal do protésico dental, a normativa de produtos sanitarios a medida, a creación do Colexio Oficial en Galicia e a xestión dun laboratorio de prótese dental.

Tamén se trataron os requisitos técnico‑sanitarios, a administración da empresa, a busca de emprego e a seguridade no traballo, ofrecendo unha visión actualizada e pegada á realidade dos laboratorios e do mercado laboral galego.

 

Compromiso co futuro da profesión

A iniciativa “Pre‑coléxiate 2026” nace da vontade de COPRODEGA de abrir as portas da profesión ao estudantado, facer de ponte entre as aulas e o exercicio profesional, e demostrar que non é unha entidade belixerante, senón un axente colaborador, interlocutor coa Administración e buscador de solucións para mellorar a calidade da formación e do exercicio profesional. O Colexio é a única entidade representativa do colectivo e as súas inquietudes, e valedora dos profesionais e os estudantes.

Durante a xira púxose tamén o foco na falta de profesorado especializado en prótese dental, na insuficiente dotación de equipamento e na escaseza de tecnoloxía dixital nos centros, onde —en moitos casos— só hai un escáner ou unha impresora por aula. Neste contexto, COPRODEGA asume o papel de portavoz do sector para trasladar propostas á Administración e reclamar unha formación á altura das esixencias técnicas e tecnolóxicas actuais.

 

Rexistro de Estudantes Pre‑colexiad@s: as portas do Colexio, abertas

Un dos eixos centrais da campaña é o impulso do Rexistro de Estudantes Pre‑colexiad@s, activo dende 2024, que lles abre as portas da única institución representativa dos profesionais da prótese dental en Galicia. A través deste rexistro, o Colexio ofrece acollida, integración e acompañamento, promovendo a formación continua e o perfeccionamento en consonancia coas perspectivas reais do futuro profesional do alumnado.

Como persoa pre‑colexiada, o estudante pode acceder a servizos como asesoramento xurídico, cursos e xornadas de formación continuada con prezos adaptados, bolsa de emprego, acceso á zona privada da web, convenios con condicións vantaxosas e información actualizada mediante web, correo electrónico, WhatsApp, newsletter, circulares e redes sociais.

 

Unha aposta sostida pola dignificación e o recoñecemento

COPRODEGA mantén unha liña de traballo constante para escoitar as inquedanzas do alumnado e do sector, e por iso organiza esta xira informativa cada dous anos, co fin de chegar tanto a estudantes de primeiro como de segundo curso. Entre as demandas estratéxicas do Colexio destacan a mellora dos medios materiais nos centros e a aspiración a un grao universitario en prótese dental, seguindo a estela de Portugal e os países do norte de Europa.

Con iniciativas como a Xira “Pre‑coléxiate 2026”, COPRODEGA reafirma o seu compromiso co futuro da profesión, coa calidade da formación e coa inserción laboral das novas xeracións de protésicos dentais en Galicia. Porque o colexio profesional non só regula e defende, senón que acompaña, orienta e constrúe futuro desde as aulas ata o laboratorio.

 



error: contido protexido!