08 Out COPRODEGA participa no Congreso Dental Tècnic 2026
COPRODEGA estivo presente no Congreso Dental Tècnic 2026, celebrado os días 2 e 3 de outubro en Barcelona. O encontro reuniu profesionais da prótese dental para compartir coñecementos e abordar os principais retos e avances da profesión.
O programa incluíu conferencias e talleres prácticos orientados a dar resposta ás esixencias actuais da prótese dental, con participación de conferenciantes de recoñecido prestixio a nivel internacional. A estética foi tamén unha das grandes protagonistas dun encontro no que se analizaron as últimas tendencias do sector.
O congreso permitiu coñecer de primeira man as novidades en dixitalización, intelixencia artificial, novas tecnoloxías e materiais, ademais de compartir experiencias e xerar conexións con outros profesionais e empresas do sector.
Recoñecemento á traxectoria profesional
Dentro do programa del Col·legi Oficial Protèsics Dentals de Catalunya (COPDEC), a organización realizou tamén unha serie de homenaxes e recoñecementos á traxectoria profesional. Un deles foi para August Bruguera, un dos profesionais máis recoñecidos e prestixiosos do sector, cunha ampla proxección internacional a través das súas publicacións e da súa participación en actividades formativas e conferencias.
Por primeira vez, COPDEC concedeu tamén unha distinción honorífica cunha insignia de ouro a unha personalidade allea ao colexio. O recoñecemento recaeu en Francisco Gutiérrez Melero, presidente fundador de ACADEN, pola sua traxectoria profesional vinculada á prótese dental desde moi novo, iniciada en 1958 cando contaba tan só con dez anos.
O presidente de COPRODEGA, Avelino Sanmartín, tomou tamén a palabra no acto, onde puxo en valor a traxectoria profesional de Francisco Gutiérrez Melero e o seu compromiso coa defensa e reivindicación da profesión.
Unha aposta pola formación continua
Para COPRODEGA, a participación neste tipo de encontros representa unha oportunidade para seguir de preto a evolución da profesión, impulsar a formación continua e fortalecer os vínculos co sector dental.
A continuación, compartimos unha galería de imaxes con algúns momentos do encontro:
Discurso de COPRODEGA en homenaxe a Francisco Gutierrez Melero – Paco Gutierrez
Queridos compañeiros, autoridades, presidente do Comité de Organización Dental Tecnic, José María Fonollosa; presidente do COPDEC, Josep Montero Pellegrí; equipos do Comité de Organización e da Secretaría do COPDEC, familiares, empresas do sector, colexiados e colexiadas, amigos, todos os hoxe aquí reunidos neste acto de recoñecemento e distinción, que tan xusta e meritoriamente o COPDEC organizou:
Hoxe teño a honra, como presidente do Colexio de Protésicos Dentais de Galicia, e de todos os colexios da Candidatura Alternativa ao Consello Xeral Nacional, de dedicar unhas palabras a unha figura cuxa traxectoria marcou de maneira profunda e decisiva o desenvolvemento da prótese dental en España: D. Francisco Gutiérrez Melero – Paco Gutiérrez.
Hai persoas que, cando chegan a unha profesión, a transforman. Persoas que non se limitan a exercela, senón que constrúen, defenden, ensinan e elevan aquilo no que cren. Paco é unha desas persoas.
Falar de Francisco Gutiérrez é falar de compromiso, de rigor, de visión profesional e dunha defensa incansable da dignidade do protésico dental. O seu labor á fronte de ACADEN non só foi un referente para miles de profesionais, senón que contribuíu a construír un espazo de unidade, formación e reivindicación que acompañou a profesión durante 3 décadas.
O seu paso por ACADEN non é simplemente unha etapa institucional. É un acto de entrega. Foi, e é, unha forma de entender que a prótese dental merecía máis, que merecía respecto, que merecía voz, que merecía futuro. E el decidiu ser esa voz cando moitos calaban. Decidiu ser ese impulso cando outros dubidaban. Decidiu ser ese referente cando a profesión necesitaba un faro. Igual ca agora!
Paco foi, e segue sendo, unha desas persoas que entenden que a prótese dental non é unicamente unha actividade técnica, senón unha disciplina sanitaria que esixe excelencia, responsabilidade e unha identidade profesional clara. En tempos nos que a profesión necesitaba voz, el deulla. En momentos nos que facía falta firmeza, el mantívoa. E cando era imprescindible abrir camiños, el abriunos.
Paco Gutiérrez non só traballou pola profesión: coidou a profesión. Protexeuna, acompañouna, defendeuna cunha convicción que só nace de quen sente esta disciplina como parte da súa identidade.
Desde o Colexio de Protésicos Dentais de Galicia, e en nome de todos os colexios, queremos recoñecer publicamente a súa transcendencia real na evolución do noso sector. O seu traballo foi determinante para que hoxe poidamos falar de modernización, de formación superior, de recoñecemento académico e dunha profesión que aspira a ocupar o lugar que merece dentro do ámbito sanitario.
Querido Paco, o teu legado non se mide só polo que fixeches, senón polo que ti sementaches. Lembrándonos que a profesión non avanza soa, senón porque hai persoas coma ti que deciden impulsala. Avanza porque hai líderes que, coma ti, non buscamos protagonismo, senón propósito. Avanza porque hai traxectorias que inspiran a quen despois recollerá a testemuña. Algo que hoxe defendemos con máis forza ca nunca: a necesidade de institucións que traballen pola profesión, e non para si mesmas; a necesidade dun liderado, e non de silencio; a necesidade de avanzar, e nunca de conformarse.
Hoxe, esta homenaxe non é un peche, é unha aperta. É un recoñecemento profundo. É un grazas que nace de todos os colexios que hoxe camiñamos xuntos cara a unha nova etapa, unha etapa que ti, Paco, xa axudaches a facer posible.
Francisco Gutiérrez Melero, en nome do Colexio de Galicia e de todos os colexios que conformamos a Candidatura Alternativa ao Consello (Aragón, Asturias, Canarias, Cantabria, Castelló e Valencia, Cataluña, Galicia, A Mancha e Murcia e algún máis), grazas pola túa vida dedicada á profesión, grazas polo teu exemplo, grazas polo teu legado e, sobre todo, grazas por ensinarnos que a prótese dental tamén se constrúe con corazón.
Grazas, por suposto, ao COPDEC, por este acto e esta oportunidade. Moitísimas grazas a todos!









