07 Mar As respostas están na ciencia, acto en defensa do coñecemento científico fronte á desinformación
O pasado sábado celebrouse, no salón nobre do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, o acto As respostas están na ciencia, no que as academias e colexios profesionais sanitarios de Galicia, xunto aos decanos e directores das facultades de ciencias sanitarias da comunidade uníronse para dar testemuño da importancia de guiarse sempre pola mellor evidencia científica dispoñible en cada momento.
Durante o acto, en representación de todas as institucións participantes, o profesor Ángel Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e catedrático de Medicina Legal da USC, leu un manifesto para mostrar o compromiso de todas elas co coñecemento científico e “coa cidadanía galega na procura da calidade, a equidade e a excelencia nos servizos relacionados coa saúde”.
O presidente do Colexio Oficial de Médicos da provincia da Coruña, Luciano Vidán, presentou a sesión e asegurou que “cando hai un problema, como foi o da pandemia nestes últimos anos, a mellor resposta atópase sempre na ciencia. Non só agora, senón ao longo da historia demostrouse que é positivo botar a vista á xente que está a investigar”. O presidente da institución colexial tamén agradeceu a presenza das entidades que se sumaron ao acto e a Ángel Carracedo “por ser a voz que transmita a nosa mensaxe á cidadanía”.
Na súa intervención, o profesor Carracedo expresou a súa preocupación polo feito de que, “nos últimos anos, non parasen de xurdir mensaxes e receitas que se ofrecen aos medios de comunicación como solucións fáciles e máxicas a problemas complexos de saúde. Desgraciadamente, estas ideas calan —aínda que só sexa de forma minoritaria— nalgúns segmentos de poboación”. Trala chegada da covid-19, “esa tendencia gañou aínda máis forza, con teorías, discursos e propostas negacionistas que non teñen ningunha base racional nin científica. Tememos, e queremos evitar, que a proliferación deste tipo de mensaxes sexan unha fonte de desinformación, desorientación e expectativas erróneas para os pacientes”.
Con ese obxectivo en mente, asegurou que “as academias, os colexios profesionais sanitarios e a universidade ofrecémonos, en Galicia, como fonte de información e formación activa, fiable, sempre dispoñible para a sociedade e baseada na maior evidencia científica e o coñecemento máis consolidado posible. Así o fixemos e estamos a facer durante a pandemia”.
Doutra banda, encomiou a “adecuada” resposta “da maior parte da cidadanía e dos responsables públicos ante a crise sanitaria. Vímolo no alto porcentaxe de vacinación que conseguimos, e tamén no razoable nivel de seguimento das medidas de protección individual e social”. Para alcanzar eses logros “foi fundamental o traballo diario e o extenuante esforzo que realizaron os profesionais sanitarios, que tiveron que facer fronte, en certos momentos, a un gran risco persoal”.
Ademais, fixo fincapé “no importante esforzo” realizado no ámbito da investigación por parte de todas as ramas da ciencia, “tanto en Galicia como a nivel español e internacional”. Grazas a “un labor titánico, están a conseguir resultados fundamentais para o control da pandemia. A colaboración internacional, sen precedentes históricos, e o entusiasmo das investigadoras e investigadores están a facelo posible”.
A necesidade de tomar decisións rápidas ante un virus descoñecido “conlevaron un reto difícil para a comunidade científica internacional. E a resposta foi, en termos xerais, excelente”, sinalou. “O método científico é o que dá validez ao noso coñecemento. Os bulos sanitarios e as falsas solucións terannos sempre enfronte. Os profesionais sanitarios e a universidade responderemos sempre coa nosa opinión e información honesta, tranquila e sólida, baseada no rigor científico e o mellor coñecemento dispoñible”.
Para rematar, lembrouse e homenaxeou “a todos os compañeiros sanitarios e cidadáns que sufriron as consecuencias desta terrible pandemia. No seu nome e no seu recordo seguiremos traballando, desde a ciencia, ao servizo da cidadanía”.
As respostas están na ciencia foi un evento histórico: por primeira vez, os colexios profesionais, as academias e as facultades relacionadas coas ciencias da saúde uníronse por unha causa común. En total, foron convocadas a participar máis de 60 institucións: a Real Academia Galega de Ciencias, as academias de Ciencias Veterinarias e Enfermería de Galicia, as reais academias de Farmacia e Medicamento de Galicia e as academias médico-cirúrxicas de Santiago e Ourense; os colexios de Biólogos, Dentistas, Dietistas- Nutricionistas, Enfermería, Farmacéuticos, Fisioterapeutas, Higienistas Dentais, Logopedas, Médicos, Odontólogos e Estomátologos, Ópticos-Optometristas, Podólogos, Protésicos Dentais, Psicoloxía, Químicos, Terapeutas Ocupacionais, Traballo Social e Veterinarios de Galicia e as catro provincias galegas; a Organización Médica Colexial; as facultades de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enfermería e Podoloxía e Fisioterapia da UDC; de Bioloxía, Ciencias, Enfermería, Farmacia, Medicamento e Odontoloxía, Óptica e Optometría, Psicoloxía, Veterinaria e Química da USC, e de Bioloxía, Fisioterapia e Química da Universidade de Vigo, alén das escolas universitarias de Enfermería da Coruña (UDC), Lugo (USC) e Deputación Provincial de Pontevedra, Meixoeiro, Ourense e Povisa (Universidade de Vigo).