10 Xuñ Acreditacións profesionais
O Colexio Profesional de Higienistas Dentais de Galicia ( CPHDG), o Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia ( COPRODEGA) e a Asociación de Técnicos Superiores Sanitarios de Galicia ( ATESSGA), mantiveron unha reunión de traballo da que se desprende a seguinte nota de prensa.
O único punto a tratar foi o posicionamento conxunto destes colectivos en relación ao procedemento de acreditación de competencias mediante a experiencia profesional e educación non formal que promove a Consellería de Educación. Durante dous meses, estes colectivos reuníronse coas Administracións sanitarias e educativas, con técnicos da Consellería de Educación, con outros Colexios Profesionais así como con colectivos do sector empresarial, trasladándolles o noso posicionamento sobre este procedemento. Fíxose fincapé na contradición existente ao admitir os poderes públicos, a existencia de persoas que exercen competencias reguladas sen a titulación habilitante para iso, para posteriormente, recoñecer esas mesmas competencias a través dunha experiencia profesional que en ningún caso debese existir.
Así mesmo, lembróuselles con insistencia que algunhas destas profesións, como é o caso de higienistas e protésicos dentais, son profesións colexiadas, sendo, ademais da titulación habilitante, requisito indispensable para o exercicio das mesmas, a colexiación. Son fins esenciais dos Colexios Profesionais, a ordenación do exercicio das profesións, a representación institucional exclusiva das mesmas cando estean suxeitas a colexiación obrigatoria, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados e a protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados, motivo polo que non poden, en ningún caso, abstraerse desta actuación da Administración educativa que conta coa pasiva complicidade da Administración sanitaria.
De todos estes encontros e reunións tomouse conciencia da mínima receptividade das formulacións achegadas así como da ausencia de vontade política en corrixir a aplicación sen matices desta normativa estatal. Igualmente, do estudo do procedemento de acreditación de competencias concluíuse, que o mesmo se atopa perfectamente financiado a través dun elevado grao de recursos económicos, que parece repercutir de forma negativa nos axentes directamente implicados, á hora de percibir, entender e comprender , os asuntos expostos por estas organizacións.
A feixes denuncian, á calor deste procedemento de acreditación de competencias tamén mediante a formación non formal, a aparición dun vasto mercado de formación “ad hoc”, maiormente en liña, que ofrece formación alternativa eludindo a formación académica regrada a prezos desorbitados e que non garante unha formación integral. Apareceu de forma abrupta e repentina, atraídos polos fondos europeos, un ecosistema formativo que desestructura a formación das profesións sanitarias reguladas. O Estado e as Comunidades Autónomas, no ámbito das súas respectivas competencias, teñen que garantir o exercicio das profesións colexiadas de conformidade co disposto nas leis. Lamentan que desde as institucións óbviense as súas reivindicacións as cales cren que poderían solucionarse cun mero exercicio de sensatez e sentido común. As organizacións reunidas seguirán moi de preto o procedemento, obrigados pola defensa dos seus fins sociais, contando así mesmo co apoio dos seus servizos xurídicos.